Francisco Javier Bouso Bouso (Fran Bouso)

Pseudónimo:Fran Bouso
Data de Nacemento: 30 de xaneiro de 1976
Lugar de Nacemento: Mondoñedo

Currículum

Logo de pasar polo parvulario (Colexio das monxas) comezou a súa formación no Colexio Público "Álvaro Cunqueiro" para continuar no Instituto de Bacharelato "San Rosendo". Completou a súa formación na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Obras realizadas

Cultura:

Dende moi novo, cando contaba cuns 14 anos, entrou a formar parte activa da Asociación Cultural "Leiras Pulpeiro onde desempeñou o cargo de Secretario, cargo que tamén ocupou na Asociación Cultural "Monfadal" que tivo como principal actividade a edición dunha revista homónima que levaba como subtítulo: "Revista mindoniense de cultura". Desde o ano 2000 ó 2001 traballou como de Técnico municipal de cultura, Xefe de prensa e protocolo no Concello de Mondoñedo.

En 2003 coordina a edición do libro "Palabra de amigo" en homenaxe a Alicia Tella-Villamarín Ferreiro, bibliotecaria, no que colaboran, entre outros, Xe Freyre, Antón Meilán, Marina Mayoral, Manuel María, Antonio Reigosa, Armando Requeixo e Isabel Morán.

Actualmente forma parte do Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP), do que foi coordinador e do Colectivo Mondoñedo É..., xunto con Antonio Reigosa e Paco Piñeiro.

Pronunciou o pregón das feiras e festas de As Quendas, en 2014 e da Feiramostra Os Muíños, en 2016.

Exerce de secretario do xurado por designación dos convocantes no I Premio Mondoñedo10.

Música:

Iniciou os seus estudos musicais aos doce anos na academia da Banda de Música "Pascual Vega" de Mondoñedo da que formou parte como clarinetista . Colaborou ocasionalmente coa Orquestra de cámara de Xove. Como cantante pertenceu ao "Orfeón da Sociedade de Obreiros" de Mondoñedo e á Coral Municipal de Monforte. Exerce como mestre especialista en Educaión Musical desde o ano 2001. Iniciouse en setembro de 2015 coa guitarra e compuxo varios temas musicais entre elas algunha panxoliñas e diversas cantigas.

Medios de comunicación:

Aos 17 anos comeza a súa intensa relación cos medios de comunicación cando lle ofrecen a oportunidade de incorporarse ó equipo de "Carrusel deportivo-A Mariña" que se emitía en Ser Mariña Mondoñedo (99,3 FM) e Ser Mariña Viveiro (94.8 FM). A súa relación coa Cadena Ser comarcal prolongouse durante tres anos realizando, ademais de tarefas de comentarista e narrador deportivo, guións para programas concurso e produción, redacción e locución na revista "Hoy por hoy" e en informativos, así como a participación en programas especiais na rede provincial de Radio Lugo. Durante este tempo tamén publicou colaboracións noutros medios (El Progreso, Faro de Vigo...).

No ano 1999 comeza unha etapa de colaboración moi intensa no xornal "El Progreso" que duraría sete meses, encargándose das corresponderías de Mondoñedo, Lourenzá e Abadín. Neste período tamén realizou un elevado número de entrevistas e reportaxes de temática variada.

Cope de la Costa foi a emisora de radio que o recibe logo do seu paso por "El Progreso" e onde permaneceu un pequeno período antes de pasar a formar parte do cadro de persoal do Concello de Mondoñedo.

Desde o 2010 escribe un elevado número de artigos en diferentes medios, principalmente de A Mariña e desde febreiro de 2016 colabora semanalmente en Radiovoz - A Mariña dentro dunha sección denominada O Outeiro de Mondoforte, que tamén se publica en La Voz de Galicia - A Mariña desde o mes de xuño do mesmo ano.

Foi convidado por El Pais para redactar un texto sobre Miguel Cabanela para o especial “Personajes del Año”, no que se recollen os 100 iberoamericanos que marcaron o 2013.

Educación:

En maio de 2001 comeza a traballar como mestre especialista en Educación Musical no I.E.S. "Álvaro Cunqueiro" (Vigo) simultaneando esta labor coa realizada no Concello de Mondoñedo. En outubro dese mesmo ano intégrase no equipo docente do I.E.S. "Ribeira do Louro" (Porriño) e abandona o Concello de Mondoñedo. O I.E.S. "Santa Irene" (Vigo) foi o seu seguinte destino ó que logo seguirían outros centros de Ourense, Lugo e Pontevedra. Cinco cursos en centros da Comarca de Lemos serviron para comezar a querer aquela terra. Traballou no Centro de Educación Especial "Miño", de Velle (Ourense) antes de integrase no equipo docente do CEIP de San Clodio (Ribas de Sil) do que foi director entre 2012 e 2016.

É unha iniciativa da plataforma en Internet GaliciaDigital destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, e que doutro xeito non tería acceso a elas.

ENTRAR

Contacta

  • Galicia Digital
    (Interdix Galicia S.L.)
    C/Nóreas, 30 - Entresuelo

    27001 - Lugo (Spain)

  • +34 982 226 309
  • correo@galiciadigital.com