Claudio Rodríguez Fer

Escritor e profesor universitario
Data de Nacemento: 6 de abril de 1956
Lugar de Nacemento: Lugo

Moi novo foi profesor agregado de Lingua e Literatura Españolas de ensinanza media por oposición libre en Salamanca e catedrático das mesmas materias por oposición libre en Madrid. Logo opositou á titularidade universitaria. Profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña en Rennes e de Santiago de Compostela, onde actualmente é director da revista Moenia e da Cátedra Valente de Poesía e Estética. Fundou a colección Clásicos Galegos e coordina, con Carmen Blanco, a revista libertaria e multicultural Unión Libre. Cadernos de vida e culturas. Dirixiu o Encontro Internacional sobre José Ángel Valente de 1993 e actuou como padriño no seu doutoramento Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, dirixiu diversos congresos e encontros e participou en numerosas actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas.

Obras realizadas

Obra poética: Poemas de amor sen morte (Ubago, 1979), Tigres de ternura (Reprografía 1846, 1981, Premio Nacional da Crítica), Historia da lúa (Galaxia, 1984), A boca violeta (Sotelo Blanco, 1987) e Cebra (Caffarena, 1991), poemarios todos reunidos en Vulva (Libros da Cebra, 1990) e antologados en A muller núa (Compostela, 1992), catro deles ilustrados por Carmen Blanco. Fóra deste primeiro ciclo erótico encóntranse os libros Cinepoemas (Xerais, 1983), Lugo blues (Concello de Lugo, 1987, con fotos de Eduardo Ochoa), Extrema Europa (Positivas, 1995, con debuxos de Sara Lamas), A unha muller descoñecida (Esquío, 1997, con debuxos de Sara Lamas), Rastros de vida e poesía (El Gato Gris, 2000, con serigrafías de Eugenio Granell), Moito máis que mil anos (SKRID, 2000, antoloxía céltica presentada por María Lopo) e A loita continúa (Xerais,2004). Paralelamente cultivou a poesía gráfica, visual, obxecto e móbil, das que son mostra, respectivamente, a carpeta A vida (Augatinta, 2002, con gravados orixinais); numerosos poemas visuais en libros, revistas e Internet; poemas obxecto sobre caixas, espellos, abanos ou artesanía de Sara Lamas, e as publicacións Manifesto por un movemento vital (1990), A dama amada (1990-1994), Ólisbos Especial (1994) e A tola soñando (1995). Obra narrativa: os seus primeiros contos foron reunidos en Meta-relatos (Xerais, 1988, con fotos de Eduardo Ochoa), pero deu a coñecer outras mostras en revistas e libros colectivos (Medusa, Contos eróticos, O relato breve). Posteriomente apareceron A muller loba (Castromil,1993), "A puta filósofa" (Contos de cine, CGAI, 1996) e "A raposa boreal" (Unha liña no ceo, Xerais, 1996). Do seu proxecto Revivir editou dous libros: O muiñeiro misterioso e A bela mestra (ambos Tórculo, 2005). Obra teatral: “O pornógrafo” (Primeiras Xornadas de Teatro na Radio, Radio 5, 1989), “Gran Tirano” (Unión libre, do Castro, 2003) e “As costureiras” (Unión libre, do Castro, 2006). Estudos literarios: Poesía galega (Xerais, 1989, Premio Losada Diéguez de Investigación), Arte literaria, (Xerais, 1991), Comentarios de textos contemporáneos (Xerais, 1992), Comentarios de textos populares e de masas (Xerais, 1994), Acometida atlántica (Por un comparatismo integral) (do Castro, 1996) e Guía de investigación literaria (Júcar, 1998). Especialista na obra de Ánxel Fole, publicou A Galicia misteriosa de Ánxel Fole (do Castro, 1981), Ánxel Fole. Vida e obra (Xerais, 1997), O mundo lucense de Ánxel Fole (Galería Sargadelos, 1997) e Ánxel Fole. Unha fotobiografía (Xerais, 1997), ademais das edicións de Contos de lobos (Xerais, 1985), Cartafolio galego (A Nosa Terra, 1996), Obra galega completa (Galaxia, 1997) e Obra literaria completa (Galaxia, 2003). A súa tese doutoral deu orixe ao libro A literatura galega durante a guerra civil (Xerais, 1994, Premio Extraordinario de Doutoramento e Premio Losada Diéguez de Investigación) e ás edicións de Guerra literaria, de Dieste (do Castro, 1991); Verbas de chumbo, de Castelao (Sotelo Blanco, 1992); Poesía perdida, de Carballo Calero (do Castro, 1993) e Obras reunidas, de Ángel Johán (do Castro, 1993). En colaboración con Carmen Blanco, fixo as edicións de Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín (Xerais, 1988) e Os eidos, de Novoneyra (Xerais, 1990). Entre os autores doutras literaturas estudou a Dostoievski na introdución de A lenda do Gran Inquisidor (Xerais, 1998) e a numerosos escritores hispánicos, como a Antonio Machado no libro Antonio Machado e Galicia (do Castro, 1989) e as obras de Borges, Neruda e Brassens en libros e revistas especializadas. Boa parte da súa investigación centrouse en José Ángel Valente, sobre quen fixo a edición e introdución das tres edicións sucesivamente ampliadas de Cántigas de alén (1987, 1989 e 1996), a de Cuaderno de versiones (Galaxia Gutenberg, 2001) e a de Cima del canto (El Gato Gris, 2002) e publicou os libros José Angel Valente (Taurus, 1992) e Material Valente (Júcar, 1994), entre outros traballos e monográficos.

Outros datos de interese

A súa obra foi estudada por numerosos especialistas galegos e non galegos, como Kathleen N. March, Xosé Luís Axeitos, Claude Henri Poullain e Milagros Polo. Sobre el, Olga Novo editou os libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (Positivas, 1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (Follas Novas, 1998) e Natalia Regueiro Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (do Castro, 1998). Textos seus están traducidos ao castelán, inglés, francés, italiano, alemán, ruso, catalán e bretón. Promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.

En 2012 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña.

 

Obras de Claudio Rodríguez Fer

Neste momento non hai obras dispoñibles

É unha iniciativa da plataforma en Internet GaliciaDigital destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, e que doutro xeito non tería acceso a elas.

ENTRAR

Contacta

  • Galicia Digital
    (Interdix Galicia S.L.)
    C/Nóreas, 30 - Entresuelo

    27001 - Lugo (Spain)

  • +34 982 226 309
  • correo@galiciadigital.com