Fuxan os Ventos

Fuxan os ventos, chamado ás veces simplemente Fuxan, é un grupo musical galego formado en 1972 en Lugo no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O grupo participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema "Fuxan os ventos". A partir de entón adoptaron este nome para o grupo.

No ano 1973 o grupo participou no III Festival Ría de Ares, en Pontedeume, gañando tamén o primeiro premio. No ano seguinte participaron noutros festivais en Ferrol e Madrid, acadando sempre o recoñecemento da crítica e prensa especializada, mentres participaban na misa radiada de Radio Popular, na que xa participaban antes da creación do grupo.

No ano 1975 o grupo sufriu a súa primeira escisión. No seo do grupo agroman dúas liñas de traballo, unha tendente ao folclore universal e outra máis comprometida coa cultura, idioma e identidade galega. Foi a segunda liña a que quedou, e comeza o percorrido polos teleclubes da provincia con "Galicia canta ó Neno", unha montaxe e representación costumista-musical, escenificación do xeito de vivir as festas do Nadal en Galicia. Este proxecto incluíu a participación de moita xente e a recolleita de centos de panxoliñas, aguinaldos e cantos de Reis.

Pouco despois aparecen as primeiras ofertas para editar discos. Nos primeiros anos o grupo rexeitaba a posibilidade de gravar o repertorio, co fin de non comercializar o problema galego. Pero en 1976, co fin de espallar o seu traballo, chegan a un acordo Philips-Fonogram, co que o grupo podería gravar á súa maneira (sen arranxos electrónicos), manter a liña do grupo e o compromiso político apartidista e asegurarían que o grupo non se comercializaría cara adentro. Froito daquel acordo edítase en 1976 o seu primeiro disco, Fuxan os ventos, e posteriormente outros tres: O tequeletequele , Galicia canta ó neno e Sementeira.

O grupo seguiu a cantar na Misa da radio, a representar "Galicia canta ó Neno" por toda Galicia, espectáculo que chegou a retransmitirse en en directo, dende o Teatro Colón da Coruña a través da TVE en Galicia. Participaron na "1ª Romaxe de Crentes Galego" que organizaron Irimia e Encrucillada, na que colaboraron na maior parte das edicións. En 1977, produciuse a segunda escisión do grupo, por mor de manter a independencia política. Entre 1978 e 1980 o grupo aumentou o número de actuacións, chegando a Cataluña, Euskadi, Lisboa, Bruxelas, París, Zúric, Brest, e mesmo en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient (1978 e 1979), mentres realizan unha Campaña Cultural en zonas de montaña, con 30 actuacións en vilas e aldeas da provincia.

No ano 1979 conseguiron o seu maior éxito co disco Sementeira, o que lle seguiría un período onde o grupo aumentou a súa actividade ata cen concertos ao ano. O seu quinto disco Quen a soubera cantar xa foi coa editora Ruada, nun intento fracasado de apoiar o primeiro selo discográfico galego.

Por Fuxan os ventos chegaron a pasar até 30 persoas, ata que a comezos do ano 1983 se produciu a definitiva modificación coa saída de dous dos seus compoñentes (Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, que fundaron A Quenlla) e a incorporación dun trío de música tradicional. Nesta nova época o grupo grava con Fonomusic no ano 1984 o disco "Noutrora" e continúa coas actuacións en directo incrementando a súas saídas fóra de Galicia, abríndose a novos circuítos: tocan en Durango, nun galeuzca musical, en 1983; en Xaén, na Universidade Popular, en 1985, ou en Segovia, no Festival Agapito Marazuela, no ano 1989, na que sería a súa última actuación en directo.

Desde esa data, o grupo permaneceu inactivo de cara ao público, rompendo o seu silencio en contadas ocasións: en maio de 1993 participando na Festa Labrega de Láncara, organizada polo Sindicato Labrego Galego para conmemorar a supresión da "cota empresarial agraria"; e no ano 1997, en Lugo, para celebrar o vinte e cinco aniversario da Asociación Auxilia, coa que o grupo colaborou dende a súa fundación. No ano 2007, aproveitando o convite para dar o pregón da Feira de Artesáns de Instrumentos Tradicionais que ten lugar no Festival de Pardiñas (Guitiriz), o grupo fai unha pequena actuación cantando seis temas do seu repertorio.

Porén, o grupo segue a traballar internamente. En 1999 concretouse ese traballo na gravación do disco Sempre e máis despois, tras quince anos sen editar, e composto exclusivamente por temas tradicionais. O disco Na Memoria dos tempos apareceu no 2002. O grupo tamén participou na gravación de dous temas para o disco de cancións infantís Pelo gato 24, editado pola Asociación de Gaiteiros no 2007. Terra de Soños, editado no ano 2010, reedita os clásicos do grupo.

Significado social

Fuxan os Ventos non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só a intelectualidade galega vencellada a canción protesta e os cantautores senón tamén a Galicia de orixe rural.

O seu repertorio inicial elaborárono a partir da música folk universal, inclinándose cada vez máis cara á música popular galega, recollendo cantigas dos vellos e vellas dos lugares e incluíndo temas de composición propia. Consonte o período no que estiveron activos (devalar do franquismo e transición española), foron adquirindo un compromiso social que se plasmou na incorporación da canción protesta e de poemas doutros autores, nunha liña de oposición á ditadura e de reivindicación dun pobo, un idioma e unha cultura propia.

Como principais características destacan, sen dúbida, a presenza da voz e as letras das cancións. As letras, ben propias ou de poetas galegos, abrangueron temáticas moi amplas: foron en ocasións reivindicativas (temas como a emigración, a Autonomía, a ecoloxía, a pobreza...) ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo. En ocasións ambos os dous aspectos mesturábanse, aínda que por pola época só o feito de cantar en galego podía ser xa un xeito de reivindicación.

É unha iniciativa de Brandán Comunicación e o Colectivo Egeria destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, e que doutro xeito non tería acceso a elas.

ENTRAR

Contacta

  • Brandán Comunicación
    Colectivo Egeria
    C/Montero Ríos, 60-62 - 1ºD

    27002 - Lugo (Spain)

  • +34 676 456 461
  • correo@egeria.gal