María Carme Pernas Bermúdez

Nace na localidade lucense de Vilalba no ano 1976. É licenciada en Humanidades e Máster en Xestión do Patrimonio Cultural pola Universidade de A Coruña. Nesta mesma entidade realiza o programa de Doutoramento “Patrimonio Histórico e Cultural de Galicia”.

Comeza a súa andaina profesional traballando como bolseira de FEUGA para realizar un inventario de recursos turísticos para Turgalicia.  Anos despois comeza a traballar como animadora sociocultural no Concello de Vilalba e como técnica de información xuvenil no Campus de Lugo da Universidade de Santiago.

No mes de abril de 2006 comeza a súa traxectoria como profesora de Ensino Secundario de Xeografía e Historia por terras de Xinzo de Limia, itinerando como substituta dende o curso 2006-07 por varios centros educativos de Galicia até o 2014, en que obtén a praza como funcionaria.

Nos anos de menos chamamentos para facer substitucións polos efectos da crise económica de 2008, procura traballo en diferentes ámbitos: comercial, atención ao público, tenda, clases particulares, etc... conseguindo o traballo como bolseira investigadora do Patrimonio Inmaterial da Deputación Provincial de Lugo, a través do que realizou varios traballos de investigación arredor de festas singulares do sur provincia de Lugo (fachas, entroidos e danzas), en colaboración cos seus compañeiros Rosa Brañas e Iván Rodríguez. Nestes anos publica un artigo sobre o entroido de Val de Francos en colaboración co historiador José Manuel Blanco Prado.

A finais do 2006 debuta como escritora co libro Itinerarios de arquitectura popular pola Terra Chá, resultado dun traballo de investigación adianto da Tese doutoral. Dese mesmo ano é o libro Lanzós, lembranzas doutros tempos, que realiza con sua irmá Isabel Pernas Bermúdez, Teresa Burgo García e Sabela Figueira Tenreiro co gallo da realización dunha exposición de fotografía antiga na parroquia vilalbesa de Lanzós, organizada pola asociación Instituto de Estudios Chairegos.

No 2009 publica o libro Capelas de Costa. A relixiosidade barroca en San Simón, en coautoría cos historiadores Sabela Figueira Tenreiro e José Luís Novo Cazón.

No 2013 publica o libro Escolma da obra de Caetano Arias López, o gaiteiro de Santaballa, en coautoría co seu tío José Manuel Bermúdez Arias, en merecida homenaxe a seu tío bisavó, destacado poeta popular da Vilalba de principios do século XX.

Nos últimos anos, e xa dende os seus anos mozos de universitaria, ten publicado varios artigos de investigación histórica e antropolóxica en diversas publicacións periódicas, programas de festas e revistas especializadas no ámbito da cultura galega e chairega: Revista Galega de Educación, boletín Pena do Encanto, Caderno de Estudios Chairegos, boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, boletín do Museo Provincial de Lugo, etc...

Colabora durante varios anos no xornal TerraCha.Xa, asinando numerosos artigos de investigación de temática histórica e cultural e sobre o patrimonio da comarca chairega.

Forma parte de asociacións e colectivos culturais na defensa do patrimonio chairego e do ámbito pedagóxico: Amigos do Castro de Viladonga, Instituto de Estudios Chairegos, etc... Integra tamén colectivos políticos e sindicais, sendo militante do Bloque Nacionalista Galego desde hai anos.

Os últimos anos adícaos á maternidade e ao seu traballo como profesora de Historia. Entre os anos 2016 e 2019 ten dúas fillas: Lara e Xulia, que lle enriquecen a súa vida coa ilusión dunha nai que quere sacar adiante os seus retoños nestes tempos críticos de pandemia e de porvir incerto, pero sen perder a esperanza dun tempo mellor.

É unha iniciativa da plataforma en Internet GaliciaDigital destinada a publicar obras de temática diversa, tanto publicadas como inéditas para ofrecelas a un público ao que poden interesar, e que doutro xeito non tería acceso a elas.

ENTRAR

Contacta

  • Galicia Digital
    (Interdix Galicia S.L.)
    C/Nóreas, 30 - Entresuelo

    27001 - Lugo (Spain)

  • +34 982 226 309
  • correo@galiciadigital.com